«Para saír da crise temos que redistribuír a riqueza»

Pastora Fernández, encabeza a lista de Pontevedra.

Nada en Viana do Bolo, Ourense. Mestra, exerceu varios anos en colexios de Burela (Lugo), en  Trobe (A Coruña) e desde hai sete anos en Vigo. Empezou no movemento “Nucleares, non grazas” e hoxe participa activamente na Marea Verde contra os recortes en educación

Presentádesvos a estas eleccións nunha coalición da que participan Recortes Cero,  Espazo  Común e Os Verdes. Que vos levou a confluír nunha mesma candidatura? Que achega cada unha das forzas?

Cada unha delas enriquece e complementa á outra, igual que outras forzas que están presentes na candidatura, como Somos Ribadumia ou Reforma Lei Electoral. Creo que Recortes Cero-Os Verdes temos traxectoria, programa e uns feitos en Galicia e en toda España -plasmados nos seus manifestos e campañas como a dos gobernos de progreso-, así como unha base de activistas moi traballadores que conquistan obxectivos. Os compañeiros de  Espazo Común, ademais de engadirnos a sensibilidade pola defensa da Galicia rural e interior, achégannos a súa experiencia en política municipal e as institucións.

A redistribución da riqueza é o eixo principal da vosa candidatura. Que significa redistribuír a riqueza hoxe en Galicia?

Non significa un pouco máis de políticas sociais por aquí ou un pouco máis de axudas asistenciais por alá, iso é redistribuír sobras. Redistribuír a riqueza significa recuperar -en todo ou en gran parte- a riqueza que nos saquearon aos cidadáns os grandes bancos, grandes capitais e grandes fortunas, a través de múltiples mecanismos (por exemplo o rescate da banca ou as imposicións da  troika)

Redistribuír a riqueza implica enfrontarse a eses poderosos e recuperar o botín. E poñer toda esa enorme riqueza en función dos intereses da xente traballadora, en función de crear nova riqueza e emprego,  reindustrializando Galicia e España, por exemplo

Cales son as características de Recortes Cero –  Espazo  Común – Os Verdes que a diferencian doutras candidaturas de esquerdas?

Unha desde logo é a redistribución da riqueza, sen a que non se pode defender de verdade unha política ecolóxica que acabe coa impunidade das grandes empresas para contaminar, ou non se pode atender aos problemas do mundo rural e da Galicia interior.

Pero hai outro aceno de identidade. Somos a esquerda que di que progresista é defender a libre unidade do pobo das nacionalidades e rexións de España, que o de esquerdas é defender a loita solidaria dos traballadores galegos cos murcianos, madrileños, cataláns, valencianos ou canarios. E que ninguén que se chame de esquerdas pode conciliar cos que pretenden dividirnos tras bandeiras e linguas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *